As obras do parque infantil da rúa Médico Ballina, por fin en marcha
Por Alejandro Espiño
Cos traballos de roza e acondicionamento dos terreos comezaron por fin as obras de construción do novo parque infantil de Médico Ballina, logo de sucesivos retrasos por atrancos administrativos.
Despois de que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) efectuase a apertura dos cadeados que pechaban a parcela, a empresa Bricantel España SL puxo en marcha estes traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses e un investimento de 157.520 euros.
Este acondicionamento é o paso previo á creación da futura zona de lecer e xogos para nenas e nenos, segundo destacou o edil de Desenvolvemento sostible, Iván Puentes.
As actuacións contemplan a creación dunha zona de estancia destinada aos acompañantes dos rapaces no acceso ao parque e doutra traseira na que se instalarán os diversos xogos infantís.
A área de lecer para os máis pequenos contará cun peche perimetral, un pavimento amortecedor (formado por céspede artificial e pranchas de entre 35 e 90 milímetros de grosor) e unha ampla variedade de xogos.
Entre eles inclúense unha tirolesa, un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, un bambán con forma de cesto, dous equipos combinados a xeito de xincana, paneis lúdicos para xogar ao tres e ao catro en raia, un labirinto inclusivo e varios bambáns con resortes.
A zona de descanso disporá de catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de de ping-pong, dúas mesas con taboleiros para xogos de mesa de xadrez e parchís e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida.
Relacionadas:
-
Ganas de xogar no demandado parque infantil de Médico Ballina: “Es como un sueño hecho realidad”
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O parque infantil de Médico Ballina vai tomando forma
Por Redacción |
-
Un agasallo para cando os nenos da rúa Médico Ballina rematen o confinamento
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra crea un protocolo para revisar a seguridade dos parques infantís
Por Alejandro Espiño |
-
O Adif autoriza a construción do parque infantil de Médico Ballina
Por Redacción |
-
A burocracia administrativa atrasa a xaneiro o parque infantil de Médico Ballina
Por Alejandro Espiño |
-
O parque infantil de Médico Ballina, pendente da autorización de Adif
Por Redacción |