Vilagarcía contratará 36 traballadores durante nove meses para reforzar os servizos municipais
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía vai contratar 36 traballadores para reforzar os servizos municipais durante un período de 9 meses. Será a través dunha subvención con cargo ao Plan Concellos da Deputación Provincial e da achega de fondos propios.
A Xunta de Goberno de Vilagarcía acordou na súa reunión deste luns solicitar a citada subvención. O custo deste programa de emprego ascende a 476.989 euros dos cales 311.465 corresponden á axuda solicitada á administración provincial e os 165.524 restantes serán financiados polo propio Concello.
Vilagarcía concorre anualmente á convocatoria da liña 3 do Plan Concellos, destinada ao financiamento de emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. Nesta ocasión, vaille permitir reforzar o plantel de determinados servizos municipais e para axilizar a realización de determinados traballos e funcións que, sen estas contratacións, serían complicados de manter ao día.
O Concello deberá esperar a que a Deputación resolva positivamente a solicitude da subvención. Unha vez superado este trámite, remitirase a oferta de emprego ao servizo público de emprego, que será quen elabore a lista de aspirantes entre as persoas inscritas como demandantes de emprego nas súas listas e que se axusten aos perfís requiridos.
Darase prioridade á hora da selección ás vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 33%, familias monoparentais con fillos ao cargo, persoas cos niveis de renda máis baixa e persoas con cargas familiares.
Os postos demandados polo Concello este ano son: 11 axudantes albaneis, 4 auxiliares administrativos, 4 instaladores electricistas, 4 traballadores de conservación de parques urbanos, xardíns históricos e botánicos; 3 peóns forestais, 2 pintores/empapeladores, 1 monitor/animador deportivo, 1 carpinteiro, 1 fontaneiro, 1 soldador para arco eléctrico, 1 sepultureiro/enterrador, 1 peón laceiro/recollida de animais, 1 axudante mantedor de instalacións deportivas e 1 condutor operador de retroexcavadora.
Todas as contratacións son a tempo completo, excepto a do auxiliar administrativo que é a tempo parcial. O persoal contratado integrarase en distintos servizos e departamentos municipais como Obras, Electricidade, Parques e Xardíns, Medio Ambiente, Fundación de Deportes, Intervención e Secretaría ou Emerxencias.
Segundo a información facilitada polo Concello, realizarán funcións de conservación, rehabilitación e acondicionamento de infraestruturas e instalacións municipais e mobiliario urbano; limpeza e mellora de praias, parques, xardíns e zonas verdes; xestión administrativa nas área de Servizos Sociais, Secretaría, Intervención, asistencia deportiva e xestión administrativa da Fundación de Deportes, asistencia ao Servizo Municipal de Protección Civil e Emerxencias na recollida e auxilio de animais; e asistencia na conservación, mantemento e tarefas auxiliares nos cemiterios municipais.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade incorporará 21 traballadores
Por Redacción |
-
Os técnicos municipais traballan xa nos proxectos de investimentos para 2020
Por Redacción |
-
Cuntis estrea o Plan Concellos 2020 coa contratación de dezanove traballadores
Por Redacción |
-
A brigada contratada co Plan Concellos remata o seu traballo en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |