Un roteiro pola enseada de San Simón estrea a nova edición de 'Voando nas Rías Baixas'
Por Redacción
A primeira ruta da nova edición do programa Voando nas Rías Baixas levou este domingo a unhas vinte e cinco persoas a contemplar as aves acuáticas e mariñas que habitan a enseada de San Simón, espazo incluído na Rede Natura.
Esta actividade, impulsada pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa ONG SEO-Birdlife, busca traballar pola promoción do turismo ornitolóxico, un recurso sostible e respectuoso co medio natural.
Durante esta primeira excursión, na que participaron as deputadas de Turismo e Medio Ambiente, Ana Laura Iglesias e Iria Lamas, as persoas participantes puideron observar, nesta paisaxe intermareal situada no máis profundo da ría de Vigo, a invernada e o paso migratorio de aves acuáticas e mariñas.
Ademais do pato asubiador, nesta zona destacan tamén as limícolas como o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e claro ou o pilro común; ardeiros como a garza real ou os corvos mariños; e paxariños como o vistoso martiño peixeiro.
Esta ruta, que foi de carácter gratuíto, contou con guías especialistas de SEO-Birdlife e con material óptico e didáctico de apoio.
Tras esta primeira ruta, Voando nas Rías Baixas continúa cunha segunda excursión o 16 de febreiro polo complexo intermareal Umia-O Grove. O prazo de inscrición para este novo roteiro estará aberto dende o 3 ao 12 de febreiro.