Barro pide unha reunión con Sanidade para coñecer os plans para o futuro centro de saúde
Por Redacción
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, remitiu un escrito este venres ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no que solicita unha reunión con el para coñecer a situación na que se atopa a previsión de construción dun novo centro de saúde no municipio.
O actual centro de saúde de Barro foi construído no ano 1983 e na actualidade presenta graves deficiencias de accesibilidade e de disposición de espazos e servizos.
Abraldes explica nesa carta o seu interese por saber como están os trámites dentro da consellería para a construción das instalacións e lembra ao conselleiro que o pasado mes de xuño estaba prevista unha visita dos técnicos da consellería para avaliar os terreos reservados polo Concello, pero suspendeuse e seis meses despois non volveron ter noticias para fixar unha nova data para o encontro.
A construción dun novo centro de saúde é unha reivindicación constante de Abraldes desde a súa chegada á Alcaldía de Barro no ano 2015 que xa fixo chegar ao delegado territorial da Xunta, Xosé Manuel Tourís, e a representantes de Sanidade en distintas reunións.
Sobre esta demanda tamén se falou nunha reunión entre o alcalde e o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, en marzo do 2017 na que, segundo Abraldes, o xerente comprometeuse a incorporar o centro de saúde de Barro á relación dos que sería necesario renovar polo seu estado deficiente.
Posteriormente, en xullo do ano 2018, Abraldes fixo chegar ao xerente un informe técnico elaborado polos servizos urbanísticos do Concello detallando as deficiencias que fan que o edificio actual non reúna as condicións necesarias para cumprir as normas do código técnico de edificacións e un informe urbanístico da parcela reservada para a construción do novo edificio.
Segundo denuncia o alcalde, o xerente comprometeuse a que despois dese verán os técnicos visitarían o Concello e emitirían un informe sobre a idoneidade deses terreos para a construción deste equipamento e ata xuño de 2019 non tivo unha chamada da consellería para esa visita. Visita que finalmente se suspendeu.
Abraldes opta agora por pedir unha reunión con conselleiro "á maior brevidade posible", xa que considera que despois de tanto tempo agardando precisa que, por respecto institucional, se lle informe de como está a previsión para a construción do centro e de cando se van avaliar os terreos que o Concello ten reservados para esta fin.
Relacionadas:
-
Barro esixe ao Sergas o regreso do pediatra ao seu centro de saúde
Por Redacción |
-
Os socialistas de Barro reclaman a mellora do centro de saúde de Barro e do CEIP Amor Ruibal
Por Redacción |
-
Os socialistas de Barro esixen a cobertura das baixas do persoal do centro de saúde
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG leva ao Parlamento a cobertura de pediatría en Barro e Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Impulsan unha plataforma en Barro para protestar pola situación da atención sanitaria
Por Redacción |
-
Comeza a recollida de sinaturas para reclamar á Xunta un novo Centro de Saúde en Barro
Por Oskar Viéitez |