Comezan os trámites para mellorar as pistas que conectan O Souto, Aldea da Fonte e Grixó
Por Redacción
O Plan de Vías Municipais 2020 de Moraña dá os seus primeiros pasos coa posta en marcha da mellora das pistas internas da parroquia de Lamas que conectan os lugares do Souto, Aldea da Fonte e Grixó, desde o cruzamento coa estrada autonómica PO-226.
Esta intervención conta cun proxecto de execución e agora procederase á súa contratación. Está previso que se realice en tres tramos e afecta a 830 metros de lonxitude. A obra supoñerá un investimento de case 40.000 euros, financiados pola Xunta de Galicia dentro dos plans de mellora de camiños. O prazo de execución das obras é de dous meses.
O proxecto establece a limpeza integral das cunetas, o aproveitamento da plataforma da calzada, a dotación de marxes de saburra en zonas de sobreancho e o fresado nos puntos de vella pavimentación ou reasfaltado.
Segundo explica Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña, estas pistas municipais teñen un firme en mal estado en diversos puntos e a maleza provoca que perdan anchura. Por este motivo, as obras buscan a recuperación do espazo para facilitar a mobilidade da veciñanza desde a estrada autonómica ata o núcleo do Souto.