Falece unha muller nunha colisión frontal en Caldas e outras tres persoas resultan feridas no impacto
Por Redacción
Unha muller faleceu como consecuencia do impacto entre dous vehículos que se producía ás 07.30 horas desta mañá na estrada N-550 ao seu paso por Caldas de Reis.
Segundo información facilitada pola Garda Civil de Tráfico, a muller falecida viaxaba soa e tratábase dunha veciña de Pontevedra de 48 anos. No outro turismo viaxaban tres ocupantes, que resultaron gravemente feridos e foron trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
A Garda Civil investiga as causas deste grave accidente. Os primeiros indicios que se manexan céntranse nunha posible somnolencia por parte da condutora falecida que a fixo invadir co seu vehículo o carril contrario.
Non se realizaron probas de alcol e de drogas do condutor do outro turismo ao ser evacuado ao centro hospitalario. O condutor, segundo diversas fontes, atópase moi grave.
Foi necesario cortar o tráfico entre os quilómetros 101 ao 98 e establecéronse desvíos alternativos a través da travesía de Caldas. Tras a retirada dos vehículos, ao redor das 10.00 horas restableceuse a circulación por este tramo.