A chuvia retorna ás Rías Baixas durante esta fin de semana
Por Redacción
Este venres 24 sitúase sobre Galicia aire frío nas capas altas, unha situación que provocará un aumento da inestabilidade atmosférica. Os ceos durante esta xornada nas Rías Baixas alternarán nubes e claros coa posibilidade de que se rexistre algún chuvasco illado e ocasional a partir do mediodía. As temperaturas manteranse entre os 7 e os 18 graos con vento frouxo do sueste pola mañá e variable ao longo da tarde, segundo a previsión metereolóxica do servizo de Meteogalicia.
Ao longo do sábado continuará o aire frío nas capas altas da atmosfera mantendo a inestabilidade. Os ceos presentaranse parcialmente cubertos, coa posibilidade dalgún chuvasco ocasional. As temperaturas continuarán entre os 7 e os 15 graos e os ventos soprarán frouxos do suroeste.
Unha fronte pouca activa asociada a unha borrasca situada no Atlántico norte achegarase a Galicia ao longo do domingo. Os ceos permanecerán anubrados coa posibilidade de choivas, que se iniciarán durante a mañá no litoral atlántico e iranse estendendo pola tarde. As temperaturas mínimas subirán lixeiramente para establecerse entre os 9 e os 14 graos na zona de Pontevedra. Os ventos soprarán moderados de compoñente sur, con intervalos fortes no litoral durante a tarde.
A partir do luns, toda Galicia quedará baixo a influencia dos ventos do suroeste. Esta situación provocará a presenza de nubes moi abundantes en todas as comarcas atlánticas, con precipitacións. As temperaturas durante a semana situaranse entre os 10 e os 15 graos.