Acaba en urxencias tras o ataque dun dóberman solto e sen boceira en Barcelos
Por Natalia Puga
Un mozo pontevedrés denunciou nos últimos días un ataque dun can potencialmente perigoso cuxo dono fuxiu tras a agresión sen que ata o momento puidese ser identificado. Trátase dun dóberman que, segundo figura na denuncia, estaba solto e sen boceira pola praza de Barcelos e atacouno e mordeuno por distintas partes do corpo, deixándolle feridas das que segue recuperándose unha semana despois. Mentres se recupera, centra os seus esforzos en localizar o propietario do animal agresor e agradece toda colaboración a quen poida axudalo neste proceso.
Os feitos ocorreron na tarde do pasado xoves 16 de xaneiro. J.M.Z., de 26 anos, camiñaba pola praza de Barcelos en dirección ao centro médico de Adeslas situado nas inmediacións cando se abalanzou sobre el e empezou a morderlo, tirándoo tamén ao chan. Segundo o seu relato, rabuñouno e mordeuno e, a pesar de que non chegou a darlle unha mordedura forte, si lle provocou rasguños importantes e mazaduras.
Segundo denunciou o mozo ante a Policía Nacional, o can responde o nome de Lulo, pero descoñece máis datos del e non pode facilitar máis detalles para a súa posible identificación que a descrición física que poida facer do animal e do seu dono. De feito, fontes policiais confirmaron que existe a denuncia e que se está facendo todo o posible por localizar ao propietario do animal, pero que aínda non puideron identificalo.
A Policía Nacional fai un chamamento á colaboración de todas as persoas que poidan aportar datos para a súa identificación. O dono ten, segundo a vítima, uns 35 anos, mide 1,80 metros, ten pelo escuro e curto e no momento do ataque levaba unha sudadera azul mariño con carapucha e un pantalón vaqueiro. O denunciante sabe que o can se chama Lulo porque, segundo relatou, o seu dono "tentou que o seu can cesase na agresión" e chamoulle Lulo varias veces.
O ataque seguiu a pesar dos intentos do dono para que o seu can acogase, debido a que, segundo o denunciante, "non se atreveu a agarrar ao can, nin a poñerlle a correa que levaba na man".
Dos feitos hai unha testemuña, un home duns 60 anos que estaba nun local de hostalería e saíu para axudalo. Sempre segundo consta na denuncia, facilitada pola contorna da vítima a PontevedraViva, este home auxiliouno e dirixiuse ao dono do can dicíndolle que ía denunciar.
Nese momento, o propietario saíu correndo da praza en dirección á rúa Perfecto Feijoo e o can foi tras el, de modo que non lle foi posible pedirlle os datos nin alertar á Policía para que lle axudase ou interviñese.
Tras este incidente, o mozo J.M.Z. acudiu ao servizo de urxencias do Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez, onde foi asistido e emitíronlle un parte médico que recolle un diagnóstico de "lesións erosivas múltiples".
O afectado engade que aos arañazos e cortes hai que sumarlle as mazaduras que ten por distintas partes do corpo, pois o can arroxouno ao chan durante o ataque e xa puxo os feitos en coñecemento dun avogado, con intención de que o asesore nos pasos para dar a partir de agora, pois a súa intención é, se logra saber quen é o dono do can que o atacou, poder denuncialo formalmente.
Segundo o artigo 16 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, o dóberman está considerado como un animal potencialmente perigoso. Figura na lista de cans que, polas súas características raciais, puidesen ser aptos para o adestramento para a garda e defensa, que afecta aos pertencentes ás seguintes razas: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, dóberman, dogo arxentino, dogo de Bordeus, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquino ( ca de bou), rottweiler, bull terrier, staffordshire bull terrier, tosa inu e akita inu. Ademais, a lista inclúe ás restantes razas que puidesen determinarse na normativa estatal sobre animais potencialmente perigosos de obrigado cumprimento.
Relacionadas:
-
RADIO.- Podcans: O teu can tamén se merece unha masaxe
Por Redacción |
-
RADIO.- Podcans rebate os misteriosos casos de "o can que..."
Por Redacción |
-
Denunciado por levar un can de raza potencialmente perigosa sen bozo, chip, seguro nin licenza
Por Natalia Puga |
-
Un can de raza potencialmente perigosa sen bozo nin correa ataca outro can na Alameda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Libera pide que non se criminalicen razas caninas tras o ataque dun American Stafford a un Jack Russell Terrier
Por Redacción |