Case 4 de cada 10 infraccións de tráfico en Poio cométense na PO-308
Por Redacción
O 37% das infraccións de tráfico detectadas pola Policía Local en Poio durante o ano 2019 rexistráronse na estrada PO-308. O dato, que supón un total de 759 irregularidades, fai que esta vía sexa a de maior cantidade de multas do municipio, pois case catro de cada dez formuláronse nela.
Segundo se desprende do informe elaborado pola empresa responsable da recadación destas sancións, no ano 2019 houbo un total de 2.037 expedientes tramitados.
A vía con maior número de infraccións foi Almirante Regalado, o vial que enlaza a PO-308 co porto de Combarro (323), pero o cómputo das infraccións cometidas en todos os tramos da PO-308 no municipio sitúa esta antiga comarcal, agora de titularidade autonómica, na estrada que encabeza a listaxe. A segunda foi a Avenida da Costa, en Combarro, xa na PO-308, con 269 sancións.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, lembra que no mes de decembro do ano pasado o Concello remitiu á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade un escrito solicitando que procedese á instalación de balizas de protección de peóns neste vial con 269 infraccións, a avenida da Costa, co obxectivo de impedir o estacionamento de automóbiles.
Non obstante, a Administración autonómica respondeu a esta petición lembrando que "existe unha marca viaria lonxitudinal continua que impide o aparcamento", polo que insta a que sexan "os corpos de seguridade os que velen para que se respecte esta norma de tráfico". Neste sentido, Caldas sinala que a Policía Local está actuando, pero iso non é unha solución.
Á marxe da Avenida da Costa, os lugares da PO-308 onde máis sancións se recolleron foron Andurique (218), Avenida da Cruz (63), Avenida da Barca (77), A Porteliña (50) ou Avenida de San Xoán (36).
Das 2.037 multas tramitadas, máis do 87,5% (1.787) corresponderon a estacionamentos indebidos. Ademais, abríronse expedientes a 44 condutores por non respectar as marcas lonxitudinais e a 40 por facer caso omiso de sinalización de entrada prohibida. Por outra banda, as autoridades sorprenderon 23 persoas conducindo mentras utilizaban o teléfono móbil e interceptaron a unha ducia baixo os efectos do alcol, así como a outros dez que deron positivo no test de consumo de estupefacientes.
MÁIS INFRACTORES FORÁNEOS
A Policía Local de Poio constata que a inmensa maioría dos responsables das infraccións non son veciños da vila. Tan só o 27,7% das multas corresponden a cidadáns da vila e case o 73% dos condutores expedientados están empadroados noutros concellos da provincia de Pontevedra (787, un 38,6%) ou a outras localidades galegas ou españolas (34,17%, é dicir, 696).
A Policía Local vincula esta procedencia dos infractores ao turismo e indica que máis da metade das sancións realizáronse entre os meses de xullo e setembro (1.038, rozando o 52%).
En total, en 2019 recadáronse en multas 163.182,42 euros, unha cifra sensiblemente superior á correspondente a 2018 (137.567,62 euros). Máis doo 80% dos sancionados optaron pola vía voluntaria á hora de aboar as contías e só 249 multas se resolveron en período executivo.
Relacionadas:
-
Poio quere impulsar un convenio coa Xunta para humanizar Andurique, A Barca e Porteliña
Por Redacción |
-
Poio protesta ante a Xunta pola supresión de prazas de servizos na avenida da Porteliña
Por Redacción |
-
O Concello de Poio negocia a cesión de parcelas privadas para acoller prazas de aparcamento
Por Redacción |
-
Poio traslada á Xunta a necesidade de reformar a PO-308 no núcleo urbano de San Salvador
Por Oskar Viéitez |