A Xunta investiu no último ano case 90.000 euros en reparar viarios do rural de Cuntis
Por Redacción
Actualmente execútase o acondicionamento do vial que dá acceso ao lugar de Portela, no municipio de Cuntis, por un importe de 34.285 euros. Este mércores, o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, supervisaron os traballos que se desenvolven en infraestruturas deste Concello, acompañados polo alcalde Manuel Campos.
A Consellería do Medio Rural tamén investiu 54.752 euros no arranxo dos viais de Fuchacos, Mesego e Touceda. Segundo os datos que ofrece a Xunta de Galicia, desde esta consellería investíronse preto de 90.000 euros durante o último ano co obxectivo de reparar estradas do rural.
Pérez Dubois destacaba, neste sentido, que con estes investimentos téntase dinamizar a actividade agraria.
Afirma que estas melloras permiten que se melloren as condicións para acometer os traballos do campo e ademais facilitan a cohesión social e territorial baixo a idea de fixar poboación no rural de Galicia.