Vilagarcía licita a construción do Paseo Marítimo a Vilaxoán
Por Oskar Viéitez
A construción do Paseo Marítimo a Vilaxoán, unha das obras máis esperadas polos vilagarciáns e especialmente polos veciños de Vilaxoán, vén de recibir un novo pulo co inicio do procedemento de licitación.
Cun investimento de 831.604 euros (IVE incluído) o executivo da alcalde Alberto Varela materializará a ansiada rexeneración do tramo litoral comprendido entre a punta de Ferrazo e o remate da praia de Canelas, convertendo o percorrido nun atractivo e moderno paseo marítimo, con zonas de descanso e carril bici e que, ademais, permitirá a circulación rodada en dobre sentido, para o cal se retranqueará o muro da planta depuradora.
A actuación finánciase a través dunha partida de 529.600 euros procedentes do superávit de 2018 e con 302.004 euros dos fondos europeos da EDUSI correpondentes á liña de "Impulso e mellora de medioambiental de zonas urbanas" do programa "Vilagarcía Avanza".
As empresas interesadas en acometer esta actuación dispoñen de prazo ata o 10 de febreiro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución da obra será de 7 meses.
Como xa se comentara no seu día, o proxecto inicial modificouse para permitir que o tramo da Rúa Víctor Pita polo que discorre o paseo manteña os dous carrís de circulación. Para iso retranquearase todo o posible o muro da EDAR, o que permite gañar 1,3 metros de ancho.
Coa execución desta obra, o goberno que preside Alberto Varela persegue varios obxectivos. O primeiro é dar continuidade ao paseo marítimo e ao carril bici que actualmente remata na punta de Ferrazo, así como recuperar e poñer en valor unha zona privilexiada do litoral municipal. O segundo, mellorar o acceso e entrada a Vilaxoán por beiramar, facilitando que o camiño se poida facer a pé ou en bici a través dun trazado atractivo e seguro. E o terceiro, servir como elemento dinamizador e atractivo turístico para as parroquias de Sobradelo e Sobrán.