Cuntis recorrerá a autorización de auga termal para o novo balneario

Por Redacción
O Concello de Cuntis anuncia que vai recorrer pola vía administrativa a resolución da Xunta de Galicia pola que se autoriza a ampliación e modificación do aproveitamento de augas mineromedicinais e termais do municipio a favor da sociedade Termas de Cuntis S.L., unha circunstancia solicitada por esta empresa no marco do proxecto de construción dun novo balneario.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, explicou que se presentará un recurso de alzada á resolución da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
O Concello dispón do prazo dun mes para presentar o recurso e anuncia que o presentará. Ademais, o alcalde adiantou que en canto se reúna toda a documentación xurídica relativa ao procedemento se convocará unha xunta de voceiros para dar a coñecer os detalles da situación.
Manuel Campos aclara que o Concello non se opón á construción do novo balneario, pero insiste en que na documentación que se emprega para resolver o aproveitamento da auga termal a favor de Termas de Cuntis se obvian uns procedementos que son necesarios para coñecer como afectará o proxecto.
Segundo o alcalde, o expediente presenta "múltiples carencias e incumprimentos", tales como a ausencia de datos fundamentais, informes e memorias técnicas relacionadas co uso termal da auga e co aproveitamento que se lle pretende dar.