Preocupación en Poio pola paralización das obras na Seara e no novo vial da Caeira
Por Redacción
A situación da empresa Nexia, que cambiará de propietarios, está a alterar o calendario de obras de Poio. Aínda que a compañía non comunicou ningún cambio ao goberno municipal, o certo é que varias das obras que tiña que executar están paralizadas. É o caso do novo vial da Caeira e a humanización do núcleo da Seara.
A tenente de alcalde, Chelo Besada, avanzou que o Concello concederá un prazo de cinco días á entidade para que aclare as razóns polas cales nos últimos días permanecen paralizadas as obras que esta firma ten pendente de realizar na vila.
Se pasado ese tempo non se produce ningunha comunicación pola súa parte, a administración municipal estudará a smedidas a adoptar, que poderían ir desde penalizacións ata a rescisión dos contratos.
"Queremos unha explicación oficial da empresa", asegurou a tamén responsable do departamento de Obras e Servizos.
No caso da obra do vial da Caeira, trátase dunha rúa, duns 100 metros de extensión, que conectará Río Umia con Río Sil. A actuación foi adxudicada hai meses a Nexia cun orzamento que supera os 100.000 euros.
O proxecto inclúe a dotación de novos servizos, así como a construción dunha beirarrúa e a instalación de luminarias. Os técnicos calculan que só se completou o 30% deste proxecto.
Con respecto á rehabilitación da contorna da Seara, a humanización tamén contemplaba a mellora de servizos e a dotación dun novo firme de adoquinado, entre outras cousas.
Esta obra acumula un importante retraso agravado pola situación da empresa. Chelo Besada comprometeuse a convocar unha reunión cos veciños para dar conta da situación, en canto a empresa dea resposta ao requirimento e se analicen os pasos a seguir.
A tenente de alcalde lembrou que esta actuación foi financiada a través do programa Deporemse, promovido pola Deputación de Pontevedra. O prazo de execución expira en xuño e Besada admite que, en vista da situación, non se descarta ter que solicitar unha prórroga, especialmente no caso de que a obra teña que volver a ser sacada a concurso.
CRÍTICAS DO PP
Esta situación tamén provocou as críticas do PP, que acusan ao Concello de "falta de control" nas obras que se executan no municipio.
A edil Rocío Cochón lamenta a ausencia de explicacións a este tema na comisión de Urbanismo celebrada este martes e acusou ao goberno municipal de avalar as "chapuzas" realizadas na zona da Seara durante a execución destes traballos.
Relacionadas:
-
O novo vial da Caeira xa está operativo e a disposición da veciñanza
Por Redacción |
-
O Concello de Poio retoma os procesos para finalizar a construción do novo vial da Caeira
Por Redacción |
-
A circulación na Seara volverá a ser de sentido único mentres non se retoman as obras de humanización
Por Redacción |
-
O Concello convoca aos veciños da Seara para informar da situación da obra de Nexia
Por Redacción |
-
A Inspección de Traballo citará o representante de Nexia a vindeira semana para analizar responsabilidades
Por Anxo Lourido |