Caixas niño para aumentar a conciencia universitaria sobre a preservación da biodiversidade
Por Redacción
Sete caixas niño elaboradas no taller de madeira da Escola de Enxeñaría Forestal instálanse nestes días en diferentes árbores do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo co propósito de dotar as aves dun espazo no que aniñar e, ao mesmo tempo, concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten a preservación da biodiversidade.
A iniciativa forma parte do proxecto Green Campus e busca aproveitar a situación desta área universitaria a carón do Lérez e preto tamén da Xunqueira de Alba, que fai que o campus de Pontevedra sexa un espazo transitado por diferentes especies de aves.
O director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, explicou que ás veces con xestos tan pequenos como este conséguense transmitir valores importantes de conservación, de respecto polo medio ambiente e de educación.
Carlos Souto; o director da EE Forestal, Juan Picos; o técnico da escola Luis Torres; e a bolseira da Oficina de Medio Ambiente Nerea Mallo participaron este mediodía na colocación da primeira das sete caixas que nestes días se instalarán nas árbores do campus.
Construídas con madeira de eucalipto, as caixas foron elaboradas polo alumnado da escola utilizando coñecementos adquiridos na súa formación. Os planos deseñados polo técnico da escola Luis Torres atópanse dispoñibles para aquelas persoas que poidan estar interesadas en fabricar a súa propia caixa niño.
A actividade está inserida no quinto plan de acción do proxecto polo que Pontevedra converteuse no primeiro campus de España en obter a bandeira verde que outorga a Foundation for Enviromental Education, a través da asociación Adeac.