O dereito a participar, a debate
Por Redacción
Como actividade de estrea pública, o colectivo Veciñanza convoca para este mércores, 22 de xaneiro, ás 19.00 horas na Casa da Luz (praza da Verdura), unha xornada denominada O dereito a participar.
Consta dun relatorio de Leire Zugazua Urturi, síndica do Concello de Vitoria-Gasteiz, sobre a experiencia daquel Concello, e dunha mesa redonda con Juan Luis Pedrosa (ex-alcalde de Pontevedra, en cuxo mandato se aprobou en 1997 o Regulamento de participación veciñal aínda vixente), Paloma Castro (concelleira de Pontevedra), e Herminia Dios (presidenta de Veciñanza), sobre os dereitos da cidadanía e a participación veciñal en Pontevedra.
Veciñanza trae a Zugazua por ser desde 2017 a responsable da oficina da síndica, unha figura homologable ao Defensor del Pueblo ou o Valedor do Pobo, con ámbito de actuación cinguido ao municipio da capital do País Vasco, que a creou hai máis de dúas décadas.
Desde entón traballou ininterrompidamente baixo gobernos con alcaldía do PP, do PSOE e do PNV.