O BNG pide a creación dunha comisión de seguimento para eliminar a simboloxía franquista en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O grupo do BNG de Cerdedo-Cotobade presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno da Corporación reclamando a activación dos traballos necesarios para eliminar os símbolos de carácter fascista e franquista existentes en bens de carácter público do municipio.
O voceiro do BNG local, Ernesto Filgueira, xa rexistrou o pasado mes de maio unha queixa formal contra diversas obras de simboloxía preconstitucional na que se solicitaba a súa eliminación en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Esa queixa non tivo efecto, de maneira que os nacionalistas decidiron activar unha campaña a fin de garantir que 2020 sexa o ano no que Cerdedo-Cotobade quede limpo de calquera símbolo ou connotación que non respecte a legalidade vixente nesta materia.
Ernesto Filgueira defende a creación dunha Comisión de Seguimento de Eliminación de Simboloxía Franquista, bautizada como 'Comisión ELISIMFRA 2020' e conformada por membros do goberno local, concelleiros dos grupos da oposición, representantes das entidades sociais e persoas a título individual de destacado prestixio a prol do cumprimento da lei de memoria histórica.
A proposta do BNG é que a Comisión ELISIMFRA 2020 sexa o eixo de consenso entre a administración local e a veciñanza a fin de artellar unha liña clara de traballo para que ao longo do 2020 fique eliminado calquera vestixio franquista logo de ter sido supervisada a relación dos bens afectados coa súa correspondente documentación histórica.
O BNG tamén vai solicitar o apoio unánime para eliminar toda a simboloxía de exaltación da ditadura franquista no concello e concretamente dos símbolos falanxistas nas fontes públicas, edificios e outros bens públicos e mesmo de mencións conmemorativas da exaltación de sublevación militar, da Guerra Civil ou da represión da ditadura.