Macenlle, Gómez Viñas e González Abal, novos directores xerais do Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno de Pontevedra anunciou este luns o nomeamento de tres novos directores xerais.
Na actualidade xa existe un director xeral, José Manuel Tato, responsable de Urbanismo e servizos xerais. Agora súmanse tres máis nas área de Mobilidade, a cargo de Jesús Gómez Viñas; Recursos Humanos, con José Manuel González Abal e Protección Cidadá e Emerxencias, Daniel Macenlle.
A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, valorou estes nomeamentos como "un feito importantísimo para un dos obxectivos básicos que nos marcamos que é a modernización da administración".
Entre outros obxectivos preténdese con esta iniciativa "axilizar as tramitacións e aquelas cuestións que teñan que ver co funcionamento ordinario do Concello" reestruturando o traballo e a relación cos cidadáns.
Os novos directores xerais son funcionarios do grupo A1 e "son todos da casa" coñecedores da administración local o que supón tamén un "recoñecemento ao traballo da maioría dos funcionarios". Este martes 21 de xaneiro os tres tomarán posesión dos seus cargos e xa teñen marcada nas súas axendas unha reunión co alcalde, Miguel Anxo Fernandez Lores xunto aos concelleiros de cada área.
A retribución dos novos responsables é de 56.935 euros anuais.
Anabel Gulías insistiu en que o goberno local espera que con estes novos directores xerais administración local que funcione "como un reloxo suízo".
POLICÍA LOCAL
Os nomeamentos de Daniel Macenlle e José Manuel González Abal afecta ao organigrama da Policía Local que agora deberá abrir un proceso para a nova xefatura, ao que probablemente concorrerán varias candidaturas. Mentres tanto haberá que nomear un xefe interino, decisión que se adoptará nas próximas horas.
Macenlle era o intendente principal e Abal o número 2 na Policía Local. Os seguintes no escalafón son os inspectores principais Ángel Ruibal e José Duarte.
NINGUNHA MULLER
Anabel Gulías saíu ao paso das críticas polo feito de que todos os novos nomeamentos sexan protagonizados por homes, "ningunha muller, lamentablemente. É unha crítica que aceptamos. Pero si que é certo que as responsabilidades políticas de dúas das tres áreas están encabezadas por mulleres e é innegable a aposta polos mandatos e liderados femininos neste goberno e eu mesma son portavoz do Goberno ".
Relacionadas:
-
Jesús Gómez Viñas, medalla ao mérito profesional do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos
Por Redacción |
-
O Concello convoca o posto para a xefatura da Policía Local
Por Oskar Viéitez |
-
O xefe da Policía Local de Pontevedra deu positivo por coronavirus
Por Oskar Viéitez |
-
Ordenan ao Concello negociar unha mellor organización do traballo da Policía Local
Por Alejandro Espiño |
-
O alcalde encoméndalle aos directores xerais "ser pioneiros en ter unha Administración dinámica e áxil"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Ángel Ruibal asume as rendas da Policía Local de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Impulsan unha reorganización do funcionamento municipal co nomeamento de tres novos directores xerais
Por Natalia Puga |
-
O Concello pon o "contador a cero" para tomar decisións "necesarias" en Persoal
Por Alejandro Espiño |