O Concello de Poio recadou un 30% máis de multas de tráfico do previsto
Por Oskar Viéitez
O grupo popular de Poio, a través da súa edil Maritxe González, fixo público o importe por multas e sancións de tráfico recadado polo Concello no ano 2019.
Segundo revelou o PP "o Concello de Poio recadou un 30% máis en multas de tráfico do que tiña previsto para o ano 2019 polo que denunciamos a falta de rigor e a incapacidade do equipo de goberno para facer previsións xa que son máis de 45.000 euros de desfase a diferenza entre o que tiñan previsto e o que finalmente recadaron en multas e sancións de tráfico", indicou a edil popular, Maritxe González.
"O importe total do recadado no ano 2019 foi de 155.234,51 euros mentres que o que tiñan previsto no presuposto para ese mesmo ano eran 110.000 euros", indicou a edil popular.
Os populares anuncian que o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro "batiu orécord de fallo nas previsións".
"CARTAS INTIMIDATORIAS"
A concelleira popular tamén criticou á edil do Bloque, Marga Caldas porque "non é serio que a concelleira de Seguridade Cidadá e o BNG, que foron quenes privatizaron a recadación das multas e sancións de tráfico a unha empresa privada, se escuden dicindo que “non asinan nin revisan os trámites” de dita empresa, cando a empresa traballa por delegación expresa da concelleira delegada e do alcalde Sobral e mesmo as cartas coas ameazas do decomiso dos vehículos por sancións de 100 e 200 euros chegan co propio sello do Concello de Poio", indicou a edil popular, Maritxe González.