A plataforma veciñal de San Amaro reivindica melloras na estrada provincial
Por Redacción
A Plataforma Veciñal de San Amaro celebrou este domingo a súa primeira concentración para denunciar o estado da EP-0508, entre Curro e a Portela. Na protesta participaron deputados provinciais do PP e representantes locais deste partido.
É a primeira das concentracións que pretenden facer cada quince días co obxectivo de esixir medidas de seguridade "e non parches" para esta estrada.
O voceiro do grupo popular, Jorge Cubela, avanzou que "pediremos que o Goberno provincial actúe e vele pola seguridade das estradas provinciais, porque non o está facendo". Nesta liña, recordou que "ademais de ser a titular desta estrada, a Deputación ten como misión apoiar aos pequenos e medianos concellos da provincia, e por iso debe atender á reclamación dos veciños destas parroquias, porque ademais se trata de unha reivindicación xusta".
Segundo sinalou a representante da plataforma, Esther Fontán, "todos temos os mesmos dereitos a contar con estradas seguras", e criticou que recentemente a Deputación gastase fondos en "facer remendos e non mellorar nada, ao contrario, déixanos peor do que estabamos".
Trátase dunha estrada pola que transitan moitos vehículos pero tamén pola que cruzan moitos peóns, xa que ademais por ela transcorre o Camiño de Santiago. Por iso os veciños piden medidas para garantir a seguridade dos usuarios da estrada, entre elas a ampliación da plataforma (hai zonas polas que dous coches cruzan con dificultade) e a creación de beiravías para garantir para que sexa unha zona de paso segura.