Campaña especial de tráfico para controlar que os vehículos circulen "en boas condicións"
Por Redacción
A Delegación do Goberno en Galicia informa de que este luns, día 20, dará comezo unha campaña especial da DXT de vixilancia das condicións nas que circulan os vehículos. O seu obxectivo é garantir que o seu estado cumpre cos requisitos establecidos na lexislación vixente.
Durante toda a semana, ata o domingo 26 de xaneiro incluído, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis para comprobar as condicións técnicas dos vehículos, prestando especial atención ao adecuado mantemento e posta a punto de todos os elementos de seguridade do vehículo, como pneumáticos, luces, sinalización ou parabrisas.
A campaña contará co máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles e, sempre que sexa posible, advertirase aos condutores da existencia próxima de controis a través dos paneis de sinalización variable e das pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil que haxa nas inmediacións.
RELACIÓN ENTRE RISCO E ANTIGÜIDADE
Hai nos últimos anos unha tendencia ao progresivo envellecemento do parque de turismos (no caso dos rexistrados actualmente en Galicia, a súa idade media supera os 10 anos). A antigüidade supón un factor de risco, ao carecer os vehículos dos sistemas e equipamentos de seguridade implantados máis recentemente, ademais de sufrir problemas derivados do seu uso prolongado.
Segundo os datos da DXT en Galicia, un 62,5% dos accidentes de tráfico rexistrados nas estradas galegas en 2018 tiveron como portagonistas a vehículos de máis de 10 anos. No lado contrario, só un 17% foron de vehículos de menos de 4 anos.
Ademais, o risco de falecer ou resultar ferido grave multiplícase por dous ao comparar os accidentes ocorridos con vehículos de 10 a 15 anos de antigüidade en relación con outros nos que os vehículos implicados tiñan menos de cinco anos.
CAMPAÑA DE NOVEMBRO DE 2019
Na última campaña de control de condicións de vehículos que se desenvolveu en Galicia o pasado mes de novembro, os axentes da Garda Civil controlaron 9.851 vehículos nos controis específicos. En total impuxeron 188 denuncias, das que o 62,8% (118) o foron por irregularidades coa Inspección Técnica de Vehículos.