Os veciños de San Salvador piden unha solución para a inseguridade que sofre a parroquia
Por Oskar Viéitez
A Asociación Veciñal de San Salvador asegura que "crece a preocupación" nesta parroquia polos roubos e atracos das últimas semanas e piden "altura de miras e máis responsabilidade" ás autoridades políticas.
O presidente desta asociación, Manolo Fontenla, agradeceu o traballo dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado polo labor que fan de prevención e de control sobre a delincuencia que se está producindo "sobre todo nas inmediacións do Vao".
"Pero si pedimos e reclamamos un compromiso maior das administracións con competencias directas en seguridade, prevención e concienciación social como son o Estado, a Xunta e o Concello de Poio", indica Fontenla.
Singularmente diríxense á concelleira de Seguridade Cidadá do Concello de Poio, Marga Caldas, para pedirlle "que non relativice tanto o problema, que modere o seu discurso e que defenda máis aos veciños", afirma o presidente do colectivo.
A asociación veciñal asegura que a situación é "máis que insustentable" e pregúntanse "que máis ten que pasar para que isto tómese máis en serio que nunca?".
"Estamos xa cansos de desculpas políticas, o que queremos son solucións a un problema que non nos deixa vivir tranquilos. Convidamos os nosos políticos a pasar uns días nas nosas casas para saber o que temos que sufrir", conclúe o presidente.