O Plan de Vías 2020 comeza coa renovación dunha pista en Viascón
Por Redacción
Cerdedo-Cotobade xa puxo en marcha o seu plan para a mellora das vías rurais do municipio. A primeira actuación, sufragada pola Xunta de Galicia, permitiu renovar a pista de Cabanelas, na parroquia de Viascón, que se dirixe cara a Tenorio polas proximidades do lugar da Costa.
A empresa adxudicataria, Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela, xa executou unha completa limpeza da plataforma da calzada e ten previsto continuar coa súa regularización e coa dotación dunha nova capa de rodadura tan pronto como cesen as choivas.
O proxecto consiste na mellora integral do firme nun treito desta estrada con 855 metros de lonxitude, que se estenderá polos 4,5 metros de anchura existentes nos primeiros 171 metros da vía e polos 4 con que conta no espazo restante.
En concreto, xa se realizou a limpeza de gabias e agora, cando o permita o tempo, vaise regularizar a plataforma coa supresión de todas as fochancas e vaise dotar dunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente con cinco centímetros de groso na superficie total da calzada, que supera os 3.500 metros cadrados.
Esta actuación, impulsada polo executivo galego ao abeiro dos plans de mellora de camiños rurais, conta cun investimento de 47.136 euros.
Esta mellora da pista de Cabanelas correspóndese coa primeira fase da actuación nunha estrada que ten dous quilómetros. O goberno municipal solicitará subvencións para completar posteriormente os outros dous treitos.