O alumnado do obradoiro de emprego reformará os vestiarios da piscina de Moraña
Por Redacción
A modernización dos vestiarios das piscinas municipais e do local cultural da Chan de Amil serán dúas das primeiras actuacións que fará en Moraña o alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV, segundo avanzou o goberno municipal.
Esta nova iniciativa laboral, que ao igual que as anteriores compártese co Concello de Valga e que está financiada pola Xunta con 336.000 euros, arrancou -tras dous meses de formación teórica- coa remodelación integral dos vestiarios das piscinas municipais.
Neste recinto vaise construír unha beirarrúa para favorecer o acceso e vanse renovar todos os materiais e os seus interiores, así como definir un mellor aproveitamento de espazos.
Posteriormente, o alumnado de Albanelería tamén vai executar obras de accesibilidade no local cultural da Chan de Amil con traballos no seu exterior e interior e coa creación dun aseo de fácil acceso e vai restaurar os lavadoiros da Penagrande, Fonte de Riba, Fonte do Medio ou do Mallo, Fonte de Baixo, Silvoso, Vilacoba, Lago de Fóra e Pinal.
Pola súa banda, o módulo de Forestal vai dar continuidade, cando mellore a climatoloxía, á senda que se comezou a crear na anterior edición do obradoiro e que discorre á beira dos regos de Catañosa e Gundeiro polas parroquias de Amil, Rebón e San Lourenzo e comezará coa limpeza e acondicionamento doutra pola zona de Cornide, entre Saiáns e Gargantáns.
A alcaldesa de Moraña destacou, tras o inicio das obras, a "importancia transversal" destes obradoiros de emprego, xa que serven para mellorar os servizos públicos para os veciños "ao tempo que reforzan a empregabilidade do alumnado".