A área sanitaria de Pontevedra mantén as listas de espera máis baixas de Galicia
Por Alejandro Espiño
Aqueles que tiveron que operarse durante o ano 2019 agardaron unha media de 35,6 días en pasar polo quirófano. Así o reflicten os datos que fixo públicos este venres a xerencia da área sanitaria Pontevedra e O Salnés, que volven a colocar os seus hospitais como os centros públicos galegos con demoras asistencias máis baixas.
Este tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica é 18,9 días inferior á media de todos os hospitais galegos, que rexistran unha demora de 54,5 días.
Así, a demora media no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foi en 2019 de 35,3 días -en 2018 foron 39,9-, mentres que no hospital comarcal do Salnés o pasado ano foi de 37,4 días -fronte os 40,6 días que se agardaban de media no ano 2018-. Nos casos máis graves, designados como Prioridade 1, situouse nos 11,2 días.
Os servizos cirúrxicos con menor tempo de espera medio foron no Complexo Hospitalario, Xinecoloxía -con 26 días- e Uroloxía -con 31,8 días-; mentres que no Salnés foron Dermatoloxía -con 18,3 días- e Uroloxía -con 25,4 días.
As especialidades con demoras medias máis elevadas foron Otorrinolaringoloxía e Traumatoloxía -37,5 días- en Pontevedra,e Cirurxía Xeral no Salnés, con 45,5 días.
PRIMEIRAS CONSULTAS
No referido ao tempo medio de demora para unha primeira consulta, este atópase nos 33,7 días -33 días no complexo pontevedrés e 36,2 días no hospital do Salnés, oito días por debaixo da media do Sergas nos seus hospitais, situada nos 41,5 días.
En Pontevedra, os servizos máis áxiles son Nefroloxía, Obstetricia, Oncoloxía Médica e Dixestivo, todos eles cun prazo inferior aos dez días. Todo o contrario que Rehabilitación que, con 43,4 días, é a que rexistra máis atrasos.
No Salnés, os servizos con menor tempo medio de demora para unha primeira consulta de enfermidade son Obstetricia, Pediatría, Medicina Interna e Dermatoloxía, todos eles cun prazo inferior aos 24 días, mentres que os servizos con maior demora son Traumatoloxía, Uroloxía e Xinecoloxía, superando os 40 días de espera respectivamente.
En comparación co pasado 2018, o tempo medio de espera para unha primeira consulta reduciuse en 2019 en 4,8 días nos centros de Pontevedra e 2,6 días no hospital do Salnés.
PROBAS DIAGNÓSTICAS
No que atinxe ás citas para as primeiras probas diagnósticas máis significativas, en Pontevedra rexístranse as demoras medias máis baixas da comunidade autónoma galega -37,3 días, por 75,2 días de media na rede de hospitais públicos.
A espera media para o TAC na área sanitaria é de 36,1 días, no caso da resonancia magnética situouse en 42,8 días e nas ecografías é de 37,3 días. No tocante á endoscopia dixestiva, a espera foi dunha media de 12,1 días, dez veces menos que no resto dos hospitais galegos.
Dentro da prestación asistencial destaca, ademais, o funcionamento das vías rápidas de atención aos cancros de mama, colorrectal, melanoma, pulmón, vexiga, próstata, cabeza e pescozo e himenópteros.
Na actualidade, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é, segundo estes rexistros, a máis baixa de Galicia en demora media para procesos oncolóxicos con 3,1 días, mentres que o Sergas ten unha demora media de 7,7 días, de xeito que os pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés esperan 4,6 días menos que no resto de Galicia.
Relacionadas:
-
O persoal de Urxencias de Montecelo protestará pola sobrecarga deste servizo
Por Oskar Viéitez |
-
Fernández Lores, preocupado polos recortes en persoal e material na sanidade pública
Por Redacción |
-
Pacientes e profesionais de Montecelo alertan do colapso en Urxencias
Por Redacción |
-
Montecelo estrea unha pioneira técnica con células nai para a enfermidade de Crohn
Por Alejandro Espiño |
-
Núñez Feijóo fixa de novo mediados de 2020 para o inicio da ampliación de Montecelo
Por Alejandro Espiño |