Campo Lameiro aproba un orzamento de 1,9 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A Corporación do Concello de Campo Lameiro, que preside o alcalde popular Carlos Costa, aprobou cos votos favorables do PP e do PSdeG-PSOE os orzamentos municipais para este ano 2020 por un importe total de 1.954.901 euros e que teñen como dato máis significativo o aumento do 40% en materia social pasando a destinar a este concepto un total de 147.650 euros.
Outro dos aspectos salientables das novas contas é o aumento doutro 40% para o departamento de Cultura que recuperará a Festa dos Mozos, que terá lugar o primeiro domingo do mes de setembro, e creará a Festa da Prehistoria para reivindicarse coma "capital galega da arte rupestre".
Ademáis aumenta un 10% na bonificación do Impuesto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) que pasará ao 60% e prevé a rebaixa da taxa de recollida do lixo dun 10% e a conxelación do resto dos impostos e taxas municipais.
O alcalde, Carlos Costa cualificou estes orzamentos de "realistas e perfectamente axustados ás necesidades de funcionamento e prestación de servizos".
Costa defendeu este documento económico como un "elemento vivo" que nace coa idea de dar resposta clara ás demandas e peticións feitas polos cidadáns e aos compromisos adquiridos durante a pasada campaña electoral.
"Adaptaremos ás necesidades das persoas a forma de xestionar este Concello facendo prioritario solventar calquera situación de necesidade ou desatención que poda padecer calquera veciño ou veciña e tendo en conta ás familias que por circunstancias da vida estean en situación de risco de exclusión social", indicou o alcalde Carlos Costa.