Os sectores comerciais e sociais de Bueu aportan ideas ao Plan de Mobilidade
Por Redacción
Este venres 17 o Concello de Bueu acollerá a responsables do sector do lecer, turismo, equipamentos e economía que manterán un encontro con técnicos e políticos do municipio para achegar suxerencias para a elaboración do Plan de Mobilidade que elabora a empresa Terravanza. Estes encontros forman parte das entrevistas que se están realizando durante as últimas semanas con diferentes sectores sociais para recibir propostas.
A intención do goberno que lidera Félix Juncal é que no mes de marzo se aprobe este instrumento de planificación da mobilidade na vila. Desde o Concello animan á cidadanía a que participe nestas reunións ou a realizar a enquisa que se atopa no web municipal de Bueu ou a achegar ideas a través do correo electrónico mobilidade@concellodebueu.gal
Unha vez finalizada esta primeira fase de consulta, o goberno local ten previsto programar novos encontros para trasladar as propostas da empresa redactora e a finais de febreiro presentaríase o documento final.
O Plan de mobilidade conta cun orzamento superior a 13.300 euros e conta con financiamento por parte da Deputación de Pontevedra. O obxectivo é detectar os principais problemas na circulación de vehículos e de peóns na vila. Desta forma quérense buscar solucións á mellora integral do barrio da Banda do Río, os accesos ao cemiterio ou a conexión co tanatorio, ademais da accesibilidade para persoas que contan con mobilidade reducida.
A intención, desde o Concello, é que este documento pase a ser un instrumento para mellorar as redes de comunicación establecendo espazos para a circulación cidadá respectando o medio natural.