Os 'zafarranchos' de limpeza chegan aos barrios da Parda, Valdecorvos, A Seca e Mollavao
Por Redacción
Durante o primeiro trimestre do ano, os 'zafarranchos' de limpeza que programa de xeito periódico o Concello nas rúas da cidade chegarán aos barrios da Parda, Valdecorvos, A Seca e Mollavao, segundo avanza o goberno municipal.
Os traballos, que coordina a concellaría que xestiona a limpeza viaria, iniciaranse este mesmo xoves e continuarán ata o mes de abril.
Estas limpezas en profundidade están pensadas como reforzos das habituais para ter o espazo público en boas condicións de uso.
Actuarase en distintas rúas do barrio de Valdecorvos e da Parda como Ernesto Caballero, Rúa das Fragas, Juan Carlos I, Maruxa Mallo e Abundancia. Tamén se trasladarán ao barrio do Mollavao, actuando en Rosalía de Castro ata Benito Vicetto e Fonte Santa, ambas incluídas.
Neste primeiro trimestre tamén está incluída a rúa da Seca e Camiño Vello de Castela, Domingo Fontán ou o polígono comercial do Vao.
A primeira destas limpezas realizarase este xoves na Rúa das Fragas. A limpeza farase con máquinas de varrer e limpadoras de auga a presión tanto na beirarrúa como na beiravía e na calzada, polo que a concellaría solicita a colaboración de todos os veciños e tamén dos condutores para garantir un bo resultado.
A zona de estacionamento estará valada dende o mércores pola tarde prohibindo o aparcamento nas horas anteriores aos traballos. Os vehículos que permanezan estacionados serán retirados polo guindastre municipal.