Os terreos da Brilat, de Defensa ou dos veciños? A solución, o 15 de novembro
Por Natalia Puga
A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra fixou para o día 15 de novembro a vista na que resolverá os recursos presentados contra as sentenzas xudiciais que dan a titularidade da práctica totalida do monte que ocupa a Brilat ás comunidades de montes de Figueirido, Potemirón e Salcedo.
A Sección decidiu fixar para un mesmo día a revisión de todos os escritos e alegacións presentadas contra as sentenzas ditadas en primeira instancia. A repartición de asuntos xudiciais fixo coincidir os recursos contra as tres sentenzas (cada comunidade de montes e veciños presentou demandas por separado e gañounas), de forma que a sala decidiu resolver de forma conxunta todos.
Fontes xudiciais explicaron que as tres sentenzas teñen recursos de apelación presentados, de modo que os tres maxistrados da Sección estudarán o 15 de novembro todas as apelacións de forma simultánea e utilizarán as mesmas argumentacións xurídicas en todas elas.
No caso da sentenza que afecta ao monte de Salcedo, o avogado do Estado presentou o recurso de apelación fóra de prazo, pero xa recorrera o Concello de Pontevedra, así que o litixio segue o seu camiño de todos os xeitos.
A Avogacía do Estado si presentou recursos contra as sentenzas que afectan aos montes de Figueirido e Postemirón, ambos os dous terreos do Concello de Vilaboa.
Relacionadas:
-
A Audiencia confirma que os terreos da Brilat son dos veciños
Por Redacción |
-
Os comuneiros de Salcedo queren 80 hectáreas ocupadas pola Brilat para uso propio
Por Anxo Lourido |
-
170 hectáreas da base da Brilat xa son de Salcedo
Por Natalia Puga |
-
O Concello retira o recurso á sentenza que outorga a Salcedo parte dos terreos da Brilat
Por Alejandro Espiño |