O Punto Limpo Móbil xa está a disposición da veciñanza de Poio
Por Redacción
O Punto Limpo Móbil do Concello de Poio xa está operativo. O dispositivo comezou a utilizarse na mañá deste martes nas inmediacións do Parque da Reiboa, na parroquia de San Xoán, onde volverá a estar a disposición dos veciños e veciñas ata o xoves 16. Posteriormente, trasladarase á avenida de Chancelas, en Combarro, para ficar alí entre o 21 o 23 de xaneiro.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral; a tenente de alcalde, Chelo Besada; a concelleira de Participación Veciñal, Silvia Díaz, e o edil de Promoción Económica, Gregorio Agís, achegáronse ata o lugar para pasar revista á estrea deste Punto Limpo Móbil, habilitado pola firma responsable da xestión de residuos, Valoriza, cuxo responsable do servizo en Poio, David Rodríguez, tamén estivo presente.
Tal e como explicaron os técnicos, nesta primeira xornada foron varios os veciños que se achegaron ata as instalacións para asesorarse sobre o seu funcionamento. Ademais, entre os primeiros residuos depositados figuran electrodomésticos como unha lavadora, entre outros.
O Goberno local lembra que neste punto pódense deixar aparellos eléctricos de todo tipo, chatarra, madeiras, metáis, baterías, pilas ou lámpadas.
Nembargantes, non está permitido depositar restos industriais ou de obra, agrícola ou gandeiro, así coma neumáticos e restos farmacéuticos. A súa utilización é gratuíta. Os veciños só deben amostar o seu DNI para poder facer uso do servizo. O horario de apertura é das 10.00 ás 14.00 horas.
De aquí ao mes de xuño, o Punto Limpo Móbil rotará semanalmente por todas as parroquias do municipio. A primeira semana estará en San Salvador, a segunda en San Xoán, a terceira en Combarro, a cuarta en Samieira e a quinta a Raxó.
Á marxe da posta en funcionamento deste servizo, o Concello tamén está traballando para dotar a Poio dun Punto Limpo municipal.