O circuíto pump-track de Moraña, pendente do asfaltado para o seu remate
Por Redacción
O circuíto pump-track que o Concello de Moraña está a construír no Buelo entran na súa recta final. Os traballos, que están a piques de concluir, están pendentes das choivas.
Toda a estrutura, cos seus saltos e curvas, xa está determinada e só resta que deixe de chover para proceder ao asfaltado e a outros pequenos detalles para rematar con este recinto.
Esta actuación, que ten un orzamento de 45.631 euros e está a ser executada pola empresa Galitec, permitirá crear unha moderna instalación de lecer orientada a bicicletas de montaña e a deportes de inercia. Está xunto o campo de fútbol e da pista multideporte do Buelo.
O recinto levantouse cunha intervención mínima e queda perfectamente integrado no terreo, xa que se aproveitaron as pendentes existentes e ademais non ten unha altura excesiva, cifrada en 105 centímetros.
As obras de construción xa realizadas consistiron no deseño do circuíto empregando zahorras compactadas sobre as que, cando cesen as precipitacións, se disporá dunha capa de aglomerado asfáltico cunha posterior terminación de slurry para favorecer a circulación e o agarre de bicicletas, patíns e similares.
O circuíto, ao que se accede a través da rotonda da rúa número 7, sitúase nun espazo de case 500 metros cadrados, dos que 211 son para a zona de rodadura, 138 para noiros e 130 para as illas interiores. Contará con catro curvas, dúas delas de 180 graos e as outras de 90, e estará realizado con materiais de primeira calidade con marcado CE para garantir a seguridade.