Tratar en terra os lodos máis tóxicos, solución para a dragaxe do Lérez?
Por Alejandro Espiño
A dragaxe do Lérez será o primeiro asunto que o BNG traslade ao Parlamento na recta final desta lexislatura. Así o confirmou o deputado Luís Bará que, este mércores, reclamará á Xunta apostar por unha "terceira vía" para desbloquear esta actuación.
Tras a negativa do sector do mar a que os lodos que se extraian desta dragaxe se depositen nas rías de Pontevedra ou Arousa, o BNG propoñerá que estude a posibilidade de trasladar estes materiais a terra para que sexan tratados en plantas especializadas.
"O mar non pode ser un vertedoiro", apuntou Bará, que considera que esta sería a mellor opción para tratar os lodos "máis problemáticos", aínda que resulte máis custoso para as arcas públicas. "Se o problema é o custo merece a pena facer o esforzo", engadiu.
Nesta "folla de ruta" para os meses previos ás eleccións autonómicas, segundo o deputado nacionalista, o BNG levará ao Parlamento galego asuntos como a mellora da PO-308 entre Pontevedra e Sanxenxo, o bloqueo da variante de Alba ou iniciativas relativas ao saneamento da ría e a depuradora de Praceres.
O "colapso" da sanidade pública, subliñou Luís Bará, tamén será outro dos temas nos que o BNG "dará a batalla", con iniciativas relacionadas coa situación das urxencias de Montecelo, coa construción dun novo centro de saúde en Poio ou con medidas para reforzar a atención no PAC da Parda.
Bará lamentou que tras dez anos de "recortes e privatizacións" a sanidade pública galega atópase nunha situación "límite" que se agudiza aínda máis na atención primaria pola redución de profesionais, a sobrecarga de traballo ou as listas de espera.
Relacionadas:
-
Bará aposta por tratar os lodos da dragaxe do Lérez en plantas especializadas: "O mar non é un vertedoiro"
Por Redacción |
-
O Parlamento insta á Xunta a tratar en terra os lodos da dragaxe do Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG propón que os lodos da dragaxe do Lérez se traten en terra
Por Redacción |
-
A voltas cos lodos previstos na dragaxe do Lérez
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda insiste en que a dragaxe do Lérez vai facerse con todas as garantías ambientais
Por Redacción |
-
"Dragaxe si pero non así", claman APDR e Ecoloxistas en Acción
Por Diego Espiño |