Ondas de sete metros e alerta laranxa na costa galega
Por Redacción
A profunda borrasca que se atopa situada no sur de Irlanda afectará durante este martes a Galicia a través dunha fronte fría que causará precipitacións de forza intensa durante a noite e a madrugada do mércores, segundo a predición efectuada polo servizo de Meteogalicia.
O vento soprará forte de suroeste durante toda esta xornada. Ante esta situación a Axencia Estatal de Meteoroloxía alertou dun episodio adverso por costeiros de nivel laranxa. Agárdanse ondas de ata 7 metros de altura con ventos fortes no litoral tanto na provincia de Pontevedra como en Lugo e A Coruña.
A situación de alerta manterase ata as 12.00 horas do mércores 14. Desde o 112 Galicia recoméndase á cidadanía que se manteña afastada das costas, praias, paseos marítimos ou diques.
Aconséllase que non se navegue nin se realicen deportes náuticos durante a alerta, que se aseguren ben as embarcacións e tamén se pide ás persoas que non se deteñan en zonas do litoral para realizar fotografías ante a posibilidade de que se corra algún risco.