O Camiño dos Sapos e o de Coteiros contarán con novo pavimento
Por Redacción
O Concello de Marín anunciou este luns unha nova obra de humanización, que consistirá na renovación do pavimento nos Camiños dos Sapos e de Coteiros. Este proxecto forma parte da aposta polo Goberno local de mellorar a mobilidade, a accesibilidade e a seguridade viaria dos veciños no termo municipal, facilitando a convivencia e o goce do espazo público.
Estes dous camiños pertencen á parroquia de Santa María do Porto e verán renovado integramente o seu pavimento e a súa sinalización. A lonxitude aproximada do tramo a renovar é de 242 metros, aos que se deben sumar outros 44 metros dun ramal secundario que tamén será obxecto de renovación.
A actuación está motivada polo mal estado no que se atopa na actualidade o pavimento de ambos camiños, debido ao uso, ao paso do tempo e aos efectos derivados dos fenómenos meteorolóxicos.
Por tanto, tal e como se pode ler na memoria do proxecto, non se verá afectado o actual espazo adicado ao estacionamento. Simplemente, procederase a renovar a sinalización horizontal das prazas existentes, complementándoa con novos elementos de sinalización vertical.
O presuposto base de licitación será, con IVE incluído, de 39.786 euros. O Concello informou de que solicitará unha subvención á Consellería de Infraestruturas para poder asumir esta inversión, que consideran de relevancia para este punto da vila.