Moraña renova de xeito integral a rede de pistas das Cerdeiras
Por Redacción
Case 50.000 euros. É o investimento que destinou o Concello de Moraña aos traballos para mellorar de xeito integral as pistas internas do lugar das Cerdeiras e a súa conexión coa estrada PO-221, que se dirixe cara o municipio veciño de Campo Lameiro.
Esta obra, que foi a derradeira do Plan de Obras 2019, supuxo a renovación completa da pavimentación da calzada en diversos treitos que suman conxuntamente 1.025 metros.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, que se achegou ata a aldea para supervisar o resultado final destes traballos, amosou a súa satisfacción pola obra e destacou o bo nivel de servizos públicos cos que conta este lugar, ao que se dotou recentemente da rede de saneamento e dunha depuradora que tamén dá servizo a Campo Lameiro.
De cara a este ano, a mellora viaria e peonil en Chan de Amil, cun investimento de 253.000 euros e cofinanciado polo Plan Deporemse da Deputación de Pontevedra, vai ser a primeira actuación destas características.