Cuntis instalará un punto de recarga para vehículos eléctricos a carón do Concello
Por Redacción
As inmediacións da Casa do Concello, xunto á Praza da Constitución, unha zona que segundo o goberno municipal é céntrica, accesible e moi concorrida. É o lugar elixido para a instalación do primeiro punto de recarga para vehículos eléctricos que haberá en Cuntis.
Vaise colocar grazas a unha achega de máis de 12.000 euros concedida ao abeiro do Plan Moves do Instituto Enerxético de Galicia.
Este punto de recarga terá visibilidade e será de gran comodidade para o seu uso.
Destinaranse ao dispositivo de recarga dúas prazas de estacionamento en batería que serán debidamente sinalizadas e reservadas para este fin, xa que actualmente son de aparcamento común para a veciñanza.
As obras necesarias para a instalación -que incluirán a extensión da rede eléctrica ata o punto- darán comezo no próximo mes de febreiro e prevese que o posto poida estar en funcionamento en marzo.
O poste de recarga terá unha potencia trifásica de 22 quilowatts e suporá a extensión da rede eléctrica ata o punto mediante unha nova acometida. Tamén se colocará un armario de protección a medida e instalaranse diferentes mecanismos de control de acceso e un sistema de comunicacións para o seu manexo a distancia
O alcalde, Manuel Campos, sinalou que este equipamento responde á aposta do goberno por impulsar a mobilidade mediante enerxías alternativas e agarda que tamén sirva para divulgar entre os veciños a tecnoloxía do coche eléctrico.