Sanxenxo adxudicará a xestión da auga e renovará o contrato do lixo
Por Redacción
O goberno local do Concello de Sanxenxo propón a convocatoria dun concurso para adxudicar unha nova concesión da xestión da rede de auga e saneamento e a renovación do contrato do lixo.
Este martes 13 na comisión de asuntos xerais e o venres 17 nun Pleno extraordinario o goberno de Telmo Martín exporá a continuidade durante 12 meses da concesión da xestión do servizo de auga, saneamento e depuración.
Durante este tempo, traballarase na convocatoria dun concurso aberto para este servizo. Na comisión tamén se tratará a renovación do contrato da recollida de lixo.
Despois de 25 anos a concesión da xestión do servizo de auga e saneamento de Sanxenxo concluíu. O goberno tiña dúas posibilidades, conceder unha prórroga de 10 anos ao actual concesionario ou convocar un novo concurso aberto ao que puidesen presentarse todas as empresas que o consideren e compitan para ofrecer o mellor servizo.
Segundo o goberno local, un concurso destas características redundará en beneficio dos usuarios e permitirá acometer importantes melloras na rede de saneamento e abastecemento de auga, dotando destes servizos ás 726 vivendas do rural que aínda carecen dun deles.
O goberno espera que a nova concesión poida ser efectiva no mes de outubro. En calquera caso, a actual concesionaria se fose necesario seguirá prestando o servizo ata finais de 2020.
En todo caso, o goberno móstrase satisfeito cos servizos prestados por esta concesionaria desde o ano 1995, e espera que se presente á nova convocatoria da concesión do servizo.
Doutra banda, o contrato de concesión do lixo contempla a súa posible renovación ata en 5 anos máis mentres o Concello este satisfeito co servizo que se presta. Polo momento, o goberno propón unha renovación por 3 anos. En calquera caso, se durante ese período houbese deficiencias no servizo o Concello podería dar por finalizado o contrato e convocar un novo concurso como se fai coa xestión da auga e o saneamento.