Poio mellora a súa ocupación turística respecto ao ano pasado
Por Redacción
O Concelleiro de Turismo de Poio, Xosé Luis Martínez Blanco, informou sobre os visitantes recibidos nas oficinas de turismo municipais e a ocupación nos establecementos hoteleiros durante a primeira quincena de xullo.
No que respecta á ocupación da primeira quincena do mes de xullo nos establecementos do municipio de Poio rexistrouse unha ocupación bastante positiva superando en 10 puntos ós datos acadados o pasado ano nas mesmas datas. O bo tempo propiciou o aumento das reservas nos establecementos do municipio nunha quincena xeralmente frouxa.
As expectativas para esta segunda quincena de xullo son dun 52 %, ainda que son moitos os establecementos que non queren facer previsións, xa que dende fai uns anos segue a crecer a tendencia de esperar ata o último momento para facer reservas. Este ano coinciden na mesma quincena dúas celebracións importantes no municipio como son a XXVI Festa da Ameixa os días 20 e 21 de xullo na localidade de Campelo e a próxima semana en Combarro a XIII Festa do Mar do 24 ao 28 de xullo.
Respecto ós visitantes rexistrados nas oficinas de turismo municipais, nesta quincena de xullo acadouse a cifra de 1100 persoas, das que un 92 % corresponden a visitantes nacionais e un 8% a visitantes internacionais.
De entre os primeiros destacan os procedentes de Madrid (22,57%), Andalucía (13,07 %), Castela e León (12,18%), País Vasco (8,38%) e Castela a Mancha (7,82%). En relación os visitantes internacionais destacaron nesta primeira quincena , os turistas procedentes de Francia , Brasil, Gran Bretaña e Bélxica.
Dende a apertura das oficinas municipais de turismo ata o de agora xa se levan rexistrados 1500 visitantes que preferentemente buscan información dos atractivos turísticos do Concello de Poio e das Rías Baixas en xeral.