As chuvias volven ás Rías Baixas para permanecer ata o vindeiro sábado
Por Redacción
Este luns continuará en Galicia unha fronte estacionaria, deixando ceos nubrados, principalmente na zona atlántica, coa posibilidade de que se rexistren choivas débiles, segundo a previsión do servizo de Meteogalicia. As temperaturas situaranse entre os 8 e os 13 graos. Os ventos soprarán fortes do suroeste.
Este martes 14 está prevista a entrada dunha profunda borrasca situada ao sur de Irlanda que deixará ás Rías Baixas nunha situación de ventos do suroeste, coa chegada dunha fronte fría. Os ceos atoparanse parcialmente cubertos con precipitacións na metade oeste de Galicia. As temperaturas experimentarán entre un lixeiro e un moderado ascenso situándose entre os 11 e os 14 graos. O vento soprará forte do suroeste.
O mércores 15, os ceos estarán parcialmente nubrados con precipitacións na provincia de Potnevedra ao comezo da xornada. Unha borrasca situada ao noroeste da península Ibérica seguirá deixando ventos do sur e ao final do día entrará unha nova fronte deixando choivas xeneralizadas cara á noite. As temperaturas continuarán entre 9 e 14 graos.
As xornadas do xoves e do venres serán de alta probabilidade de choivas. Espérase que a partir do sábado, as altas presións volvan entrar en toda Galicia, de forma que as temperaturas suavizaranse e as precipitacións desaparezan.