Investigan a morte dun home de 31 anos cando circulaba en patinete eléctrico por Campelo
Por Redacción
Un home de 31 anos falecía na tarde deste domingo cando circulaba co seu patinete eléctrico (VMP) pola zona de Lourido, no municipio de Poio, segundo a información do 112 Galicia.
Un particular daba a voz de alarma e poñíase en contacto co servizo de Emerxencias do 112 Galicia despois de encontrar a vítima tendida no chan, sobre as 16.15 horas da tarde na rúa Padre Avelino en Campelo, onde residía.
Activouse un operativo formado por profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-01 e axentes da Policía Local de Poio e da Garda Civil. Non se puido facer nada polo mozo que golpeara coa cabeza no chan. O médico e técnicos do 061 tentaron reanimalo pero finalmente certificaron o falecemento. Foi trasladado pola empresa funeraria ao instituto anatómico forense para practicarlle a autopsia.
Polo momento, os axentes tentan esclarecer as circunstancias do falecemento para determinar se a morte se producía como consecuencia da caída do patinete con motivo dalgún accidente ou se o home sufriu unha indisposición previa co fatal resultado. A persoa que alertou ao 112 Galicia xa se atopou ao mozo inconsciente e tendido no chan. O patinete eléctrico que conducía non debe circular, segundo a Policía Local de Poio, a máis de 25 km/h.
Ata o lugar tamén se desprazaron voluntarios de Protección Civil e especialistas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes ou Emerxencias (GIPCE) para atender os familiares, que quedaron conmocionados ao decatarse do falecemento.