Impacta contra o muro dunha vivenda en Cambados e dá positivo en consumo de alcohol e drogas
Por Redacción
Axentes da Garda Civil investigan por un delito contra a seguridade viaria un veciño de Ribadumia que ás 08.00 horas da mañá deste sábado 11 impactaba contra o muro dunha vivenda en O Facho, no municipio de Cambados.
O accidente producíase cando o condutor perdía o control do vehículo que circulaba pola estrada EP 9006 e golpeaba contra un muro de pedra na entrada dunha propiedade privada na zona de Castrelo.
O condutor non sufriu danos de consideración. Os axentes sometérono a un control e ofrecía unha taxa de alcohol castigada penalmente de 0,67 e positivo indiciario en consumo de drogas.
Os servizos de Protección Civil de Cambados estiveron ata as 11.30 horas retirando as pedras desprendidas e asegurando o muro, que se mostraba inestable. Ademais, os efectivos deste servizo levaron a cabo a limpeza da vía.