Revisión á mellora dos accesos reformados ás augas medicinais da Freixa no lugar da Dorna
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaba este venres a contorna das augas de Freixa na parroquia de Santa María de Sacos, no municipio de Cerdedo-Cotobade.
Trátase dun espazo de augas medicinais no lugar de Dorna, onde se realizaron melloras dos accesos cun investimento global de 44.919 euros. Desta cantidade, 29.197 euros foron achegados pola Xunta de Galicia.
Estas augas termais contan con grandes propiedades para a saúde como tamén sucede coa de Baños de San Xusto. As obras realizadas permiten acceder ao momento no que brotan as augas, resolvendo o problema de acceso dos camiños tradicionais que se atopaban pechados pola vexetación.
Os traballos centráronse en crear un carreiro novo en conexión cos camiños existentes que permitan acceder á zona da Canle de Auga, que alimenta a minicentral eléctrica de Dorna. O Concello tivo en conta a conexión con outros elementos patrimoniais e paisaxísticos nunha zona que conta con casas de pedra do país, palleiras, hórreos, unha capela, un pombal e un castro coñecido como "da Roda".