Almacéns cheos de roupa, alimentos e solidariedade en Campo Lameiro
Por Redacción
A solidariedade da veciñanza de Campo Lameiro permite encher o banco local de alimentos dos Servizos Sociais do Concello e o roupeiro de Cáritas, así como enviar unha boa remesa de alimentos de caducidade recente á Fundación Amigos de Galicia.
É o resultado dunha campaña impulsada polo párroco Fermín Santiago Iglesias que contou coa colaboración do Concello de Campo Lameiro para promover as doazóns de alimentos non perecedeiros e roupa. A cantidade de roupa e alimentos recollidos permitiu encher os almacéns provisionais postos a disposición da campaña no pavillón municipal de deportes.
A campaña implicou moitos voluntarios nas seis parroquias do municipio que administra o sacerdote, permitindo que a recollida de alimentos non perecedeiros e roupa resultara un auténtico éxito.
Debido á gran resposta, os alimentos irán destinados ao banco local dos Servizos Sociais do Concello de Campo Lameiro e os de caducidade máis inmediata serán trasladados aos almacéns da Fundación Amigos de Galicia para unha pronta utilización.
En canto á roupa recollida, será revisada, preparada e catalogada por Cáritas, organización benéfica non gubernamental que será a encargada tamén de repartila entre as persoas e as familias que o precisen.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, amosouse orgulloso polo sentimento solidario da veciñanza e valorou que foi unha experiencia moi positiva na que se viu o carácter humanista e solidario de Campo Lameiro.