Ponte Caldelas paraliza o PXOM á espera dunha nova Lei do Solo
Por Redacción
O grupo de Goberno de Ponte Caldelas decidiu paralizar temporalmente a tramitación do PXOM e agardar a unha nova Lei do Solo que "aposte verdadeiramente polo rural, polo seu crecemento" para aprobar o documento.
A decisión adoptouna o goberno local este venres despois de celebrar 28 asembleas por todos os lugares de Ponte Caldelas, nas que a veciñanza lle trasladou que "ven moi limitado o seu crecemento no caso de que se aprobase o PXOM que se propón en base aos criterios que marca actualmente a Xunta de Galicia".
O goberno local recoñece a necesidade de regular o urbanismo en Ponte Caldelas, que se rexe neste momento por unhas normas subsidiarias que teñen 30 anos, pero considera "acertado" agardar a unha nova Lei que busque potenciar o rural e que permita o seu crecemento.
Así, lembran que a actual Lei do Solo, aprobada en febreiro de 2016 pola Xunta de Galicia cos únicos votos a favor do PP, unicamente busca consolidar terreo en lugar de permitir a expansión dos núcleos rurais, algo que afecta negativamente a moitos lugares de Ponte Caldelas.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recalca que se seguirá traballando no actual documento, tendo en conta as suxestións aportadas por todos os veciños que participaron nas asambleas e tamén cos que foron pasando polo Concello a solicitar información nestes últimos meses.
Andrés Diaz explicou que "necesitamos regular o urbanismo, pero queremos facelo con seguridade, responsabilidade e, sobre todo, con transparencia". E engadiu que queren que a maioría dos veciños se sintan conformes e apoien un Plan de Ordenación que, de aprobarse, terá moitos anos de vixencia.
O alcalde indica que quedan á espera dunhas próximas eleccións autonómicas que poidan supoñer un novo goberno e unha nova Lei acorde ás verdadeiras necesidades do rural galego, ao que non se lle pode limitar o crecemento.