SAL denuncia o abandono da estrada entre Sanxenxo e A Lanzada
Por Redacción
O partido Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) faise eco do malestar de veciños de Noalla e Aios e do Tecor Societario A Lanzada polo "estado de abandono" no que se encontra a estrada VG-4.1, que comunica Sanxenxo con A Lanzada.
O seu malestar está dirixido en primeiro lugar ao Concello de Sanxenxo e, en segundo, á Xunta de Galicia. En relación co Concello, denuncian a pasividade que mostran ante a administración autonómica e recalcan o "pouco peso político" que ten o actual goberno municipal, xa que aínda que a estrada é de titularidade autonómica corresponde ao Concello de Sanxenxo "alertar" da situación da vía o ente autonómico, xa que o seu mantemento e conservación é, na súa opinión, "pésimo".
O malestar coa Xunta chega porque son os encargados do mantemento e conservación da estrada e do seu perímetro, e só actúan para "arranxar" cando hai eleccións autonómicas, tal como expresan os veciños.
Entre outras cuestións, os veciños denuncian que a beiravía está chea de musgo, follas e cortizas de árbores e o Tecor quéixase de que o valado perimetral da estrada está en "pésimas condicións" e, debido iso, no ano 2019 producíronse 10 sinistros graves por colisión con animais cinexéticos.
Desta maneira, SAL solicita á Xunta de Galicia que limpe a estrada e as beiravías e que arranxe o valado perimetral en toda a estrada e esixe ao grupo de goberno de Sanxenxo "que se poñan a traballar dunha vez", pois cren que "levan sete meses de lexislatura e só se lles ve "pasear" polas obras adxudicadas no bipartito SAL-PP".