Analizan as posibilidades culturais e turísticas dos faros de Ons e Tambo
Por Redacción
Deseñar unha estratexia que permita poñer en valor os faros galegos, mantendo sempre o seu uso principal como axuda á navegación. É o obxectivo do traballo que emprendeu a Xunta de Galicia, en colaboracións cos portos galegos.
Dentro desta iniciativa, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse co director da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, Miguel Ángel Navarro, para analizar as posibilidades que teñen os faros da súa influencia para acoller dotacións culturais e turísticas.
No encontro abordouse a importancia de analizar os futuros usos dun xeito planificado e coordinado sobre cada un dos equipamentos, avaliándoos en función das súas características máis singulares.
Tamén se afondou na importancia desta iniciativa para reforzar o turismo mariñeiro xerando produtos especializados recuperando un valioso patrimonio inmaterial e impulsando o desenvolvemento económico dos concellos da contorna dos faros.
Esta folla de ruta, que se formula a longo prazo e que está chamada a ter un papel importante despois do Xacobeo 2021, permitirá xerar segundo o goberno galego diferentes produtos turísticos e culturais especializados en diferentes emprazamentos costeiros.
Ademais, aportará unha visión integral que terá en conta proxectos xa existentes como a Ruta dos Faros ou a Senda dos Faros e permitirá deseñar un itinerario de interese paisaxístico para fomentar o descubrimento do litoral pontevedrés.
Esta estratexia estará coordinada con Puertos del Estado para facilitar a posta a disposición á sociedade destes equipamentos de interese patrimonial e paisaxístico dun xeito planificado, facilitando a xestión dos trámites administrativos en espazos tan sensibles como os faros.
Neste sentido, explorarase ademais posibilidade de implantar sistemas que faciliten as xestións para os inversores ou promotores interesados.