O Concello encargará un estudo para determinar como se implanta o transporte a demanda
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra contratará un estudo para determinar como se implanta no municipio o transporte a demanda que cubra as necesidades do rural.
O concelleiro responsable de transporte, Demetrio Gómez, informou este mércores en rolda de prensa do contido da reunión técnica celebrada para implementar este servizo de transporte público ao longo do mandato.
O edil nacionalista sinalou que na súa concellería están "a traballar intensamente" nesta cuestión que ten "unha parte moi farragosa" como é a tramitación administrativa relacionada cos fondos europeos Edusi e reviste ademais moita complexidade "porque non hai practicamente experiencias semellantes ao que nós queremos poñer en marcha".
Segundo indicou Gómez Xunqueira, "é un traballo moi de vangarda, moi avanzado" de aí a importancia que, ao seu xuízo, ten esta parte do proxecto.
Neste sentido, o Concello de Pontevedra terá que encargar un software pioneiro para xestionar este transporte a demanda e ademais contratará a unha empresa especializada un estudo "completo e integral" da demanda desta modalidade de transporte, da súa viabilidade e das posibilidades de explotación deste tipo de servizo.
Ese estudo incluirá un traballo de campo cunhas 2.500 enquisas, a domicilio, tamén nos posibles destinos (centros de saúde e administrativos, mercado, entre outros) e enquisas en cordón dirixidas a persoas que van no seu vehículo co obxecto de analizar os percorridos que fan dentro de Pontevedra.
Ademais a empresa que resulte contratada mostrará as diferentes alternativas existentes, fará unha proposta de proxecto de explotación do transporte a demanda e analizará o contexto administrativo e normativo actual "para saber exactamente onde encaixa e que non teñamos problemas unha vez que se poña en marcha" ante unha posible reclamación legal.
Demetrio Gómez anunciou que "nas próximas semanas" enviarase a contratación o prego para o concurso no que se adxudicará a realización deste estudo para o que se establecerá un prazo de redacción "de dez ou de once meses".
"Durante o inverno do ano 2021 poderiamos ter esta parte do traballo completa", dixo o concelleiro.
Relacionadas:
-
Sacan a licitación dous trámites que poñen máis preto o proxecto de transporte a demanda
Por Natalia Puga |
-
O estudo do transporte a demanda incluirá unha análise completa da mobilidade no rural
Por Alejandro Espiño |
-
A nova ordenanza do taxi incluirá o transporte a demanda e unha 'tarifa plana' aos aeroportos
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG porá en marcha "no prazo máis curto posible" o seu transporte a demanda
Por Alejandro Espiño |