A brigada contratada co Plan Concellos remata o seu traballo en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Obras en muros, pistas, urbanizacións, sendeiros e zonas verdes foron as últimas actuacións que executou a brigada de sete operarios que contratou o Concello de Cerdedo-Cotobade, a través do Plan Concellos da Deputación, cun orzamento de 51.000 euros.
O equipo dispuxo dun encofrador, un canteiro e cinco operarios de poda, roza e traballos forestais que traballaron durante cinco meses, baixo a coordinación do encargado municipal, para acometer diversas obras nas áreas de Infraestruturas, Forestal e Medio Ambiente.
As actuacións realizadas consistiron en reparacións urxentes, pavimentacións en formigón, muros de pechamento, melloras de empedrados en urbanizacións, labores de limpeza e roza en rutas de sendeirismo e acondicionamento de zonas verdes e naturais.
Este grupo de traballadores estivo conformado por sete persoas desempregadas, que foron seleccionadas cumprindo as bases do citado plan provincial e desenvolveron a súa labor a xornada completa co dobre obxectivo de mellorar servizos públicos, especialmente os de carácter turístico, e tamén as súas condicións de empregabilidade.
A labor desta brigada complementouse coa realizada anteriormente por outros catorce operarios tamén contratados ao abeiro do Plan Concellos e que acometeu unha trintena de actuacións por todo o termo municipal servindo de apoio á brigada municipal de obras.