Volverán os orballos ás Rías Baixas a partir do xoves
Por Redacción
Este martes 7 non se esperan cambios significativos nas Rías Baixas debido á presenza dun anticiclón sobre a península Ibérica. Os ceos permanecerán pouco nubrados ou despexados. As temperaturas mínimas quedarán sen cambios significativos mentres que as máximas ascenderán lixeiramente. O vento soprará frouxo de compoñente sur, segundo a previsión do servizo de Meteogalicia.
O mércores unha fronte moi pouca activa irá achegándose a Galicia con nubes baixas. Espérase unha xornada de ceos nubrados, con posibilidade de que se produza algún orballo. As temperaturas mínimas situaranse sobre os 6 graos ascendendo moderadamente mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso para establecerse nos 14 graos. O vento soprará frouxo de compoñente sur.
A partir do xoves os ventos do suroeste seguirán ofrecendo nubes e humidade en Galicia. Os ceos permanecerán cubertos, con posibilidade dalgún orballo intermitente. As temperaturas ascenderán lixeiramente e as máximas manteranse situándose os termómetros entre os 11 e os 13 graos. O vento soprará frouxo do suroeste.
Durante o venres e o sábado predominarán as altas presións sobre Galicia con baixa probabilidade de precipitacións. A partir do domingo os ventos do suroeste deixarán un incremento de nebulosidade e aumentará a posibilidade de choivas en xeral de carácter feble, sobre todo na franxa atlántica. As temperaturas moveranse entre os 6 e os 12 graos.