Integrantes da Plataforma 'Non á Ampliación' preparan as alegacións á reforma da depuradora de Praceres
Por Redacción
Residentes da parroquia de Lourizán participaban o sábado 4 na asemblea veciñal convocada pola Plataforma 'Non á Ampliación' na que se prepararon as alegacións que se van a presentar ante a Xunta de Galicia e ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica co obxectivo de paralizar o proxecto de ampliación da depuradora dos Praceres.
Estas alegacións asinaranse tanto por diversas asociacións da parroquia como a título individual e xa, durante a asemblea, numerosas persoas mostraron os escritos para alegar e algúns dos asistentes aproveitaron a ocasión para asinalas.
Entre as alegacións figuran cuestións, xa presentadas polo Concello de Pontevedra, como a petición dun modelo de saneamento da ría que sexa máis sustentable e máis "racional", de forma que evite concentrar todas as augas residuais industriais e urbanas de ata cinco municipios na depuradora de Lourizán, nunha infraestrutura situada sobre un banco marisqueiro e nuns terreos de dominio público marítimo terrestre, cunha cota de menos dun metro sobre o nivel do mar.
Os integrantes da Plataforma denuncian que a Xunta pretende levar adiante este proxecto sen realizar antes o Estudo de Impacto Ambiental. Ademais alégase que a proposta da administración autonómica contempla a construción dun campo de fútbol incumprindo a Lei de Costas.
Ademais, afirman que a Xunta de Galicia realiza unha avaliación do impacto paisaxístico, sinalando que é reducido, baseándose nunha infografía realizada polos propios servizos do executivo galego.
Desde a Plataforma fan un chamamento a toda a veciñanza que estea en contra deste proxecto a que se somen para evitar a posta en marcha deste proxecto.
Relacionadas:
-
A Platafoma de Lourizán quere falar co novo Goberno da ampliación da depuradora
Por Oskar Viéitez |
-
A ampliación da depuradora dos Praceres xera posturas enfrontadas
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta, a EDAR, o cambio climático e o primo de Rajoy, en Lourizán
Por Redacción |
-
Augas de Galicia defende ampliar a EDAR por ter "menor impacto" e ofrecer "maiores garantías"
Por Alejandro Espiño |