A cabalgata dos Reis Magos percorre Pontevedra horas antes dunha noite máxica
Cun gran espectáculo de música, luz e cor. Así percorreron os Reis Magos as rúas de Pontevedra na tradicional cabalgata que, como todos os anos, celebrouse na véspera do día de Reis.
Miles de persoas, principalmente nenos e nenas acompañados dos seus pais e familiares, repartíronse ao longo de todo o percorrido para ver pasar o desfile, no que se repartiron uns 1.500 quilos de caramelos aptos para celíacos.
Desde as seis da tarde, unha trintena de carrozas, agrupacións musicais e grupos de animación acompañaron a Melchor, Gaspar e Baltasar ao longo das rúas José Malvar, Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda.
A cabalgata contou coa animación da charanga Airiños de San Martiño, da agrupación Dúos Pontes, do grupo folclórico Boa Vila, de Is Afoutes do Canón de Pau, do Apalpador, dun grupo de cabalería ou dos bombeiros.
Ademais, participaron numerosos personaxes de debuxos animados, o soldadito de chumbo e as súas bailarinas, a galiña dos ovos de ouro, un bosque animado, un grupo de pastores e outro de carboeiros, os ratos chocolateiros ou uns espectaculares Transformers.
A cabalgata celebrouse horas despois da multitudinaria recepción aos Reis Magos no pazo de Mugartegui, onde Melchor, Gaspar e Baltasar estiveron saudando aos máis pequenos durante unhas catro horas.
Tras esta intensa actividade, chegou o momento de prepararse para a visita que os reis de Oriente farán a todas as casas pontevedresas esta mesma noite.